O pasado xoves 26 de maio celebrouse na sede de Padre Rubinos na Coruña a última xornada do curso “Axentes sociais comunitarios sobre a abordaxe de persoas con problemas de saúde mental” na que participaron máis de 70 persoas.
O curso estivo organizado pola EOXI da Coruña e foi unha proposta da Mesa de Coordinación de Persoas sen Fogar na que participan diversas entidades sociais da cidade, ademais do Concello e o Hospital Universitario de A Coruña.
Nesta última xornada, coordinada por FEAFES Galicia, os asistentes dividíronse en grupos de traballo que abordaron catro temas distintos: a atención sanitaria a persoas sen fogar, a atención social no ámbito sanitario a persoas sen fogar con enfermidade mental, os recursos sociocomumnitarios, e o voluntariado e participación social.
Ao longo da mañá, os asistentes abordaron estes temas por grupos para elaborar unha serie de conclusións e presentarllas despois ao resto de compañeiros. Estas conclusións foron recollidas pola Mesa de Coordinación de Persoas sen Fogar como elemento para incorporar no seu traballo, permitindo así continuar e mellorar o seu labor.