Skip to main content
O 29 de novembro finalizou o taller “Cociña: menú diario”, financiado pola Deputación de Pontevedra e organizado por FEAFES Vigo dentro do programa Conectadas 2017. Trátase dunha proposta terapéutica que se basea na elaboración de alimentos para mellorar o benestar emocional e psicolóxico dos seus participantes. 
Este curso constou de 35 horas, das cales 30 dedicáronse a nocións de cociña e 5 a sensibilizar e aprender sobre a igualdade de oportunidades. As clases desenvolvéronse todos os mércores desde o 6 de setembro ata o 29 de novembro, en horario de 17:00 a 20:00, na Oficina Municipal do Distrito de Teis (Camiño Maceiras s/n). 
Durante este tempo, os participantes puideron coñecer as normas básicas de hixiene e seguridade alimentaria, aprender a comprar e seleccionar os artigos que se utilizaron nos menús, elaborar e practicar técnicas para a correcta elaboración de receitas e menús variados e sensibilizar acerca da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. 
FEAFES Galicia quere mostrar o seu agradecemento ao Servizo de Participación Cidadá do Concello de Vigo pola cesión gratuíta da aula para a realización do curso; á Deputación de Pontevedra por financiar o programa; á empresa adxudicataria Forox Innovación L.S. – Marexada Deporte, Lecer e Cultura S. L. pola xestión; e á docente María Curra pola súa implicación co grupo.