O pasado xoves 15 de outubro tivo lugar unha acción de formación interna de FEAFES Galicia baixo o título “Intervención Familiar en Saúde Mental”, á cal acudiron unha vintena de profesionais da entidade pertencentes ás súas cinco delegacións (Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), así como tres traballadores da asociación Doa.
O encargado de impartir a formación, xestionada por Newton Consultoría i-Formación, foi Antonio Olives, licenciado en psicoloxía e terapeuta familiar acreditado pola FEATF. Olives foi presidente da Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia e docente na Unidade Venres Clínicos da USC, e actualmente é terapeuta do Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico de Menores en Situación de Desamparo.
Ao longo das 8 horas de formación, Antonio Olives fixo unha breve introdución teórica á terapia familiar sistemática, falando despois dos principios básicos nos principais modelos de terapia familiar. A continuación, o poñente expuxo como traballar coas familias nas sesións e como estas poden formar parte da solución, indicando cales son os factores de éxito na atención a un usuario e de que xeito se poden potenciar.
Tras a exposición do psiquiatra, os profesionais de FEAFES Galicia e Doa tiveron a oportunidade de presentar unha serie de casos reais para debater conxuntamente a súa abordaxe. A través dun intercambio de opinións, os asistentes puideron enriquecerse das distintas formas de actuar ante un caso determinado e os diferentes modos de intervención posibles. ?