Skip to main content
Un grupo de oito traballadores das oficinas de “la Caixa” en Ferrol, Narón e Fene estiveron a participar como voluntarios nos talleres ocupacionais de AFAES Portanova, a asociación de saúde mental de Ferrolterra. 
Esta acción de voluntariado levouse a cabo durante as tardes do 13 ao 15 de febreiro,  nas cales os empregados de “la Caixa” puideron colaborar cos usuarios da entidade, que lles ensinaron a facer os distintos traballos que desenvolven nos seus centros. 
Así, no taller de costura, voluntarios e usuarios fixeron plantillas de lá, no de lavandería pasaron o ferro e practicaron técnicas de dobraxe da roupa, e no de encadernación elaboraron diversas axendas e carpetas artesanais.
Grazas a esta actividade, os traballadores de “la Caixa” puideron coñecer de primeira man o funcionamento dos diferentes obradoiros e compartiron o seu tempo e habilidades cos profesionais e usuarios de AFAES, resultando unha experiencia moi positiva para todos.