
As preto de 50 persoas participantes no programa Posta a Punto para o Emprego que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia nas súas cinco delegacións (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo), están a participar estes meses nunha serie de obradoiros que lles permitirán adquirir motivacións, habilidades, competencias e capacidades que favorezan o seu acceso ao mundo laboral, podendo así reverter a súa situación de exclusión social.
Por exemplo, no mes de marzo, A Coruña acolleu unha formación de 12 horas onde se traballaron a motivación e técnicas para a busca activa de emprego. Neste obradoiro facilitouse o autocoñecemento a nivel laboral das persoas participantes (intereses, perfil profesional, etc.), explicando a situación actual do mercado de traballo e analizando as competencias profesionais e persoais que lles poden facilitar o acceso a un posto.
Neste obradoiro tamén se deron a coñecer distintas técnicas e recursos dos que dispoñen as persoas demandantes de emprego para abordar este proceso: preparación dun currículo vitae, dunha carta de presentación, presentar unha autocandidatura… Tamén facilitáronselles aos participantes consellos básicos sobre como xestionar un primeiro contacto coa empresa ou como enfrontarse a unha entrevista laboral.
No mes de abril, os e as participantes do programa Posta a Punto para o Emprego da Coruña realizaron unha formación de 15 horas sobre novas tecnoloxías aplicadas á busca de emprego. Neste curso, aprenderon a usar as funcións que ofrece o correo electrónico, a presentar unha boa candidatura a través da Internet, a moverse por distintos portais de busca de emprego, e a aproveitar as opcións de procura de traballo a través de redes sociais especializadas.
O obxectivo desta formación foi dotar ás persoas participantes das ferramentas tecnolóxicas necesarias para realizar unha busca de emprego autónoma e eficaz a través da Internet. Se ben nas vindeiras semanas os alumnos e alumnas dedicarán un tempo a afianzar os coñecementos adquiridos, a satisfacción do curso foi elevada e cumpriu as súas expectativas.
Igualmente no mes de abril, en Vigo desenvolveuse un taller sobre dereitos e deberes das persoas traballadoras, coa fin de coñecer o marco legal que regula a actividade laboral e como afecta ás persoas empregadas. Nesta formación explicáronse os distintos tipos de contratos que existen, cláusulas dos mesmos, tipos de permisos, tipos de despedimentos, etc.
O programa Posta a Punto para o Emprego, no que se enmarcan estas formacións, é un proxecto financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade que pretende mellorar a empregabilidade de persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV).
O seu obxectivo principal é lograr que o 20% das persoas participantes acaden un emprego de 6 ou máis meses de duración, cunha xornada laboral mínima do 75% e que lles permita levar unha vida autónoma. Ao longo dos dous anos que dura o programa, realizaranse unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización. A formación dirixida á capacitación laboral estase a realizar simultaneamente nas cinco cidades nas que se desenvolve o programa: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.