O pasado mércores 16 de novembro, celebrouse o “I Seminario de inclusión dixital e novas tecnoloxías para a acción social”, organizado e impartido polos profesionais do Grupo de Comunicación de EAPN Galicia, entre os que se atopa a responsable de Comunicación de FEAFES Galicia, Ana Escrigas. Esta acción formativa tivo lugar no Centro Demostrador de Tic de Galicia (CDTIC), en Santiago de Compostela, ao longo de toda a xornada.
A actividade estivo dirixida a persoal técnico ou voluntario das asociacións membro da rede que quixesen impulsar a área de comunicación aínda que non contasen con coñecementos específicos neste campo. Entre os asistentes atopábanse profesionais de asociacións de FEAFES Galicia como Andaina, Apem ou A Mariña, que mostraron o seu interese por estes temas.
O curso comezou cunha breve conferencia sobre a linguaxe inclusivo, no que se ofreceron pautas para unha comunicación “decente”, presentando aos asistentes o Código de Conduta en Comunicación contra a Pobreza de EAPN Galicia como documento a ter en conta neste sentido.
A continuación abordáronse pautas e consellos para unha boa comunicación escrita, indicando como elaborar notas de prensa, cartas ou emails de forma correcta. Coa fin de plasmar unha mensaxe inclusiva e que a información chegue a todos, fíxose fincapé na importancia das publicacións en lectura fácil.
Doutra banda, nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, a xestión de redes sociais foi un dos eixos fundamentais do curso, profundando especialmente nas páxinas Facebook e Twitter.
Por último, para ofrecer ferramentas de mellora da operatividade e o fomento da creatividade, realizouse unha breve introdución a algúns programas e aplicacións para a comunicación, dando paso á clausura do seminario.