Skip to main content
Entre os diversos programas que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia, atópase o proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental”, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020. 
Este programa, que se está a desenvolver entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de novembro de 2019, trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas e facilitando o apoio necesario para a súa correcta inclusión sociolaboral. Para iso, ofrécese un apoio personalizado, traballando obxectivos específicos nas áreas social e laboral, consensuados entre os participantes e os seus profesionais de referencia.
O Programa de Inclusión Social conta con dúas liñas de actuación: os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental, deseñados para 30 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra; e os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas con enfermidade mental, dirixidos a 80 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. 
Neste senso, as accións que se realizan no marco do Programa de Inclusión Social teñen dúas vertentes. Por unha banda, realízanse actuacións encamiñadas a mellorar a situación sociosanitaria dos seus participantes, para o cal se brinda apoio psicolóxico e psicoeducación, faise un acompañamento social, promóvese o acceso e o mantemento da vivenda e facilítase formación en habilidades básicas da vida diaria adaptadas ás necesidades individuais de cada persoa.
Por outra banda, no marco deste programa tamén se realizan accións orientadas ao acceso ou a permanencia no mercado laboral, facilitando orientación laboral, formación adaptada ás características das persoas en risco de exclusión social, adestramento en habilidades prelaborais e pautas para a busca de emprego.