Skip to main content
A pasada semana, un grupo de 56 persoas pertencentes ás asociacións de FEAFES Galicia tiveron a oportunidade de coñecer Cantabria grazas a unha viaxe de 3 días organizada pola Federación. Usuarios e monitores de Avelaíña, Doa, Alba, Morea, A Creba, Andaina, APEM, Saúde Mental Ferrol e Alume gozaron dunha escapada na que descubriron os lugares máis emblemáticos da comunidade cántabra. 
O primeiro día viaxaron pola costa ata Santoña, un dos principais portos pesqueiros do Cantábrico, e ata a localidade de Laredo, que posúe un magnífico areal branco a lado o porto e un labirinto de rúas que escalan o outeiro. Pola tarde visitaron Santander, con amplos espazos verdes e praias, onde destaca a zona de Sardinero e La Magdalena, residencia estival de Alfonso XIII. 
O día seguinte, os visitantes desprazáronse á localidade de Santillana del Mar, histórica poboación que conserva o seu esplendor medieval. Continuaron cara a Comillas para ver a Universidade Pontificia e o Capricho de Gaudí, e pola tarde visitaron Castro Urdiales, ao pé do Monte San Pelayo. 
Para finalizar a viaxe, o último día saíron cara ao Soplao para coñecer a súa famosa cova, un dos monumentos máis importantes da xeoloxía cántabra. Finalizada a visita e tras un xantar nun restaurante local, os visitantes emprenderon volta a Galicia e deron por rematada a viaxe.