Hoxe, como cada 3 de decembro, as entidades de discapacidade galegas unímonos para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade baixo a iniciativa “Baixo o mesmo paraugas”, para poñer en primeiro lugar os dereitos de todas as persoas e defender que a diversidade é un valor clave na sociedade.
Xa pasaron cinco anos desde que abrimos os nosos paraugas de cores por primeira vez, e en todo este tempo conseguimos chegar a todas as provincias galegas, unindo a miles de persoas e a máis de 80 entidades sociais da Coruña, Pontevedra, Vigo, Santiago, Lugo e Ourense. O paraugas é o sinal desta iniciativa, un símbolo para mostrar que compartimos o mesmo desexo: lograr un mundo sen discriminacións, sen barreiras, con oportunidades para todas as persoas.
Pero este ano non podemos levar os nosos paraugas ás rúas. A emerxencia sanitaria pola COVID-19 provocou un enorme impacto sanitario, social e económico a todos os niveis, cambiando por completo as vidas de moitas persoas. E ese impacto foi aínda maior para as persoas con discapacidade, familias e entidades sociais, que viron como a pandemia poñía en perigo moitos dos logros alcanzados ata o de agora e mesmo a propia supervivencia de moitas organizacións.
Pero se algo define o noso gran movemento é a enorme capacidade para superarnos, para afrontar calquera dificultade. E nun día como o de hoxe queremos seguir esixindo ás administracións públicas o seu compromiso firme e claro coas persoas con discapacidade, que veña da man dun incremento de apoio social e económico. Gustaríanos tamén seguir contando co apoio da cidadanía e do sector privado a través da responsabilidade social das empresas.
A pandemia mostrou dificultades na coordinación real entre os sistemas sanitarios, educativos e sociais, e por iso demandamos que esa coordinación sexa real para garantir unha resposta rápida e eficaz ás necesidades das persoas con discapacidade e as súas familias, xa que moitas asumiron en soidade os coidados durante a etapa do confinamento.
Unha crise sanitaria e económica non pode ter como consecuencia unha crise de dereitos. Seguimos demandando o noso dereito para ter unha vida independente, unha educación inclusiva de verdade, con todos os apoios que podamos necesitar, e poder acceder ao mercado laboral en condicións de igualdade, máis agora nesta complicada situación que estamos a atravesar.
Debe garantirse o apoio ás entidades sociais que durante esta emerxencia social estiveron á beira das persoas con discapacidade e as nosas familias. O peche de moitos centros durante estes últimos meses e a falta de terapias e tratamentos supuxeron un gran deterioro físico e cognitivo para moitas persoas. Queremos que se recoñeza o valor das iniciativas sociais.
Sabemos que a situación é difícil, pero se hai algo que nos move é a ilusión e a esperanza de que sairemos adiante co apoio de toda a cidadanía, dos movementos sociais, das administracións e organismos públicos e privados
de tantas persoas que hoxe abren o seu paraugas connosco para esixir os nosos dereitos.