Un ano máis, Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O seu obxectivo é facilitar a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental, para o cal se desenvolverán unha serie de accións nas cidades de Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago.
O programa, que comezou o pasado 15 de novembro e terá unha duración de un ano, está deseñado para un total de 100 participantes que serán persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental en situación de demanda de emprego, desempregadas en risco de exclusión social ou desempregadas de longa duración.
O obxectivo deste programa é aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral por parte das persoas participantes. Unha das accións prioritarias é dotalas de formación prelaboral que permita mellorar a súa empregabilidade no mercado laboral ordinario, así como adquirir a titulación precisa para mellorar as competencias técnicas que lles permitan acceder a un posto concreto.
Para iso, traballamos a través de Itinerarios Personalizados de Inserción, que son directrices flexibles e adaptadas a cada persoa usuaria, durante as cales os participantes contan co apoio dun acompañante tanto no proceso de orientación como no de inserción laboral.
O programa inclúe tamén unha serie de actividades transversais que están presentes durante todo o proceso, como técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego. Ademais, impartiranse obradoiros de asertividade laboral e intelixencia emocional, novas tecnoloxías, motivación e técnicas de busca activa de emprego e coaching individual e grupal no proceso individualizado de inserción de cada persoa.