Máis de 50 persoas procedentes de diversas asociacións galegas de saúde mental percorreron durante tres días o tramo final do camiño francés nunha actividade de lecer, deporte e convivencia.
Dende Saúde Mental FEAFES Galicia traballamos para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas de referencia.
A calidade de vida concíbese como un fenómeno que abarca un amplo abano de necesidades e faise realidade a través de diferentes dimensións: benestar físico, desenvolvemento persoal, relacións sociais, benestar emocional, autodeterminación, inclusión social e defensa dos dereitos. Neste senso, as actividades deportivas e de lecer contribúen a promover unha maior calidade de vida, xa que incrementan o grao de satisfacción das persoas e supoñen unha condición imprescindible para a dignidade e o benestar.
Por estes motivos, cada ano reunimos a máis de 50 persoas con algún problema de saúde mental do movemento asociativo e buscamos un espazo no que poidan gozar de actividades compartidas de lecer, tempo libre, deporte e cultura a través do Camiño de Santiago. Nesta ocasión, participaron nesta actividade persoas procedentes das asociacións Doa (Vigo e Cangas), Saúde Mental Ferrol (Narón), Fonte da Virxe (Santiago), Andaina (Ordes e Dodro) e Alba (Pontevedra).
Tras varios meses de preparación, o pasado martes iniciamos en Salceda a nosa XVI edición do camiño, pernoctando no Pedrouzo. Dende alí peregrinamos ata Monte do Gozo na segunda xornada, e hoxe concluímos a experiencia coa chegada á praza do Obradoiro.
O Camiño de Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia rematou cunha recepción no Concello de Santiago de Compostela, onde as peregrinas e peregrinos recibiron a benvida de Jaime Figueroa, presidente da federación. Así mesmo, interviñeron Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, e María Rozas, concelleira de Servizos Sociais, así como Juan Carlos Borges, participante do XVI Camiño de Santiago pola saúde mental.
Á recepción no concello tamén se achegou Jaime Linares, xerente da Fundación José Otero-Carmela Martínez, financiadores da actividade a través do Plan de Axudas 2026.
A Fundación José Otero-Carmela Martínez é unha entidade privada sen ánimo de lucro, de carácter humanitario e cun profundo compromiso co benestar dos colectivos máis vulnerables. Foi establecida en honor a José Otero e a Carmela Martínez, figuras coñecidas pola súa labor humanitaria e a súa dedicación á mellora da calidade de vida das persoas en situación de necesidade en Santiago de Compostela.

