Skip to main content
O programa “Posta a punto para o emprego” é un proxecto novo, pioneiro en Galicia, que pretende mellorar a empregabilidade de 50 persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital. Desenvolverase nas 5 delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo) e traballarase con 10 persoas beneficiarias en cada unha delas.
O programa púxose en marcha o pasado 15 de novembro, para o cal realizouse unha reunión telemática inicial entre a coordinadora do proxecto e as técnicas que o desenvolverán nas cinco delegacións. Nesta reunión definiuse o procedemento de actuación, unificando criterios e delimitando as accións que se van levar a cabo. Deste xeito, revisáronse as instrucións, os perfís das persoas participantes, os obxectivos a acadar, etc. 
O obxectivo principal do programa, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Emprego, é lograr que o 20% das persoas participantes acaden un emprego de 6 ou máis meses de duración, cunha xornada laboral mínima do 75% e que lles permita levar unha vida autónoma. Trátase dun reto importante xa que as persoas beneficiarias contan con moitas dificultades para o acceso ao emprego, pero precisamente por iso tamén teñen unha importante necesidade de atopar un traballo.

Atención integral e personalizada

Saúde Mental FEAFES Galicia traballa coa filosofía da atención integral, ofrecida por un equipo multidisciplinar que actúa en rede e que ofrecerá diferentes actuacións ás persoas participantes para atender as súas necesidades e mellorar a súa situación sociolaboral. A coordinación con distintos axentes como poden ser os servizos sociais, o empresariado, as familias, as unidades de saúde mental, etc., é fundamental para lograr os obxectivos marcados.
Ao longo dos dous anos que durará o programa “Posta a punto para o emprego”, realizaranse unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización. Partindo da análise da situación persoal, familiar e social de cada persoa participante, elaborarase un itinerario personalizado de inserción que contemple a intervención psicosocial, a orientación sociolaboral, a formación ocupacional, prelaboral e laboral, a prospección do mercado laboral e a procura activa de emprego.

Se queres participar…

O programa “Posta a punto para o emprego” está dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social, ás cales se dotará das motivacións, habilidades, competencias e capacidades que require o tecido empresarial, de xeito que a través da inserción laboral poida reverterse a súa situación de exclusión social. 
Trátase dunha actuación novidosa, orientada a resultados, coa que se pretende promover a posta en marcha de iniciativas innovadoras que permitan romper o círculo de exclusión e preparar ás persoas para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual; unha verdadeira posta a punto para o emprego.
O programa iniciouse con 15 persoas participantes beneficiarias da RISGA, de tal xeito que se irán incorporando máis participantes a medida que avance o proxecto. Se es usuario ou usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, percibes a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital e estás en busca de emprego, este programa ofréceche numerosas sesións de formación e orientación laboral, así como a posibilidade de facer prácticas en empresas e un compromiso de inserción laboral. Se estás interesado en participar, non dubides en poñerte en contacto connosco a través do teléfono 900 102 661 ou o enderezo electrónico info@feafesgalicia.org.