Skip to main content
A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA felicitará as festas do 2017 cun deseño de María Rosa Martínez, gañadora do XV Concurso de Felicitacións de Nadal coa súa obra “A lúa chea en Nadal”. Martínez, pertencente á asociación murciana AFEMAR, acompañou este debuxo co lema “Paz e solidariedade entre todos”.
Como segundos premios extraordinarios, as gañadoras foron Ana Graciela Núñez Garzón da asociación madrileña AMAFE, co seu debuxo “De soños cargado” e Mª de los Reyes Fragueiro Cabaleiro da delegación viguesa de FEAFES Galicia co seu debuxo “A miña mellor creación”.
Do primeiro premio, elixido entre as 254 candidaturas recibidas, o xurado destacou no seu fallo “a calidez, o colorido e a alegría da proposta”. Así mesmo, subliñou “a súa capacidade para trasladar a quen admira o debuxo a idea de luminosidade, tradicionalmente asociada ao Nadal”.
En relación á elección da obra de Ana Graciela Núñez, ao Xurado sorprendeulle especialmente “o realismo do debuxo e a calidade técnica do mesmo”. Ademais, na súa elección foi clave “a dozura do bebé e a elección da idea da esperanza incluída na frase que acompaña a proposta”. Para o xurado, a obra de Mª de los Reyes Fragueiro destaca polo “enorme traballo que o debuxo debeu levar á súa autora a tenor da técnica empregada e os detalles incluídos na obra”. Destacou, ademais, “a harmonía e beleza do debuxo”.
O xurado quixo agradecer, recoñecer e dar os parabéns a todas as persoas e entidades participantes polo esforzo e a dedicación coa que se elaboraron todas e cada unha das 254 candidaturas presentadas nesta XV edición, provenientes de 60 entidades membro da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA (18 máis que na anterior edición), de ata 12 comunidades autónomas diferentes.
O xurado desta décimo quinta edición estivo formado por Celeste Mariner, directora executiva da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA e Israel Quesada, técnico de Relacións con Empresas e Doantes desta Confederación. Desde Janssen, que patrocina este concurso, participaron Almudena Civera, coordinadora de Relacións Institucionais e Natalia Collado, xefa da área de Deseño e Maquetación.
Este xa tradicional concurso, enmarcado na iniciativa “Expresión artística pola integración”, busca tanto  impulsar a expresión artística como visibilizar as obras de persoas con problemas de saúde mental, procurando ser un elemento de motivación, de fomento do talento e de loita contra o estigma no que participa a base social do movemento asociativo reunido na Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA.
 
O acto de entrega dos premios do XV Concurso de Postais de Nadal terá lugar o venres 15 de decembro ás 19:00h na sede da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA en Madrid.