O taller residencial “Mulleres e Saúde Mental”, celebrado en Madrid os pasados días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo, reuniu a 22 mulleres con problemas de saúde mental de 14 rexións distintas, todas elas pertencentes a entidades agrupadas no movemento asociativo SALUD MENTAL ESPAÑA. Entre elas, atópase unha usuaria da asociación Doa pertencente a Saúde Mental FEAFES Galicia.
Esta segunda edición deu continuidade ao primeiro taller que tivo lugar o pasado outubro de 2017, consolidando así esta rede estatal de mulleres que traballan a dimensión de xénero e as súas implicacións na saúde mental.
Neste novo espazo de formación, reflexión e empoderamento para mulleres con problemas de saúde mental, traballáronse as accións específicas identificadas no primeiro taller. Nun ambiente de igualdade, compromiso e confianza, as mulleres compartiron ideas, experiencias, coñecemento e opinións relacionadas co xénero e a saúde mental. O taller contou tamén coa presenza de persoal técnico e directivo da Confederación, e unha representante do Consello Consultivo de SALUD MENTAL ESPAÑA.
Enfoque de xénero en saúde mental
Celeste Mariner, directora executiva de SALUD MENTAL ESPAÑA, deu a benvida ás asistentes dándolles as grazas “por inspirarnos e motivarnos, e por espertar en nós unha inquietude que nos fixo vivir o pasado 8 de marzo cunha gran intensidade e o pleno convencemento de que o 2018 sería o ano das mulleres”. Mariner manifestou o seu convencemento de que “a saúde mental debe tratarse desde un enfoque de xénero”, e lembrou que a Confederación está a traballar neste sentido con accións como a recente creación da Comisión de Igualdade, a elaboración do último número da Revista Encuentro dedicada integramente a mulleres, ou o recente nomeamento da nova vicepresidenta da Confederación, Mª Ángeles Arbaizaigoitia.
O taller contou coa participación da facilitadora Ana Vales Hidalgo, psicóloga experta en xénero, saúde mental e igualdade. A reunión, cuxa metodoloxía foi participativa, comezou cunha posta en común e avaliación do primeiro taller, para a continuación expor as expectativas do segundo. Acto seguido realizouse un breve repaso do marco teórico, visibilizando a importancia da perspectiva de xénero en saúde mental. A continuación, traballouse nas propostas para a elaboración dun primeiro manifesto de mulleres con problemas de saúde mental, que nun futuro crearase en base ás conclusións extraídas do taller para denunciar as situacións que viven estas mulleres, visibilizar as súas demandas e propoñer accións de mellora.