Skip to main content
Onte, varias localidades galegas como Santiago, Lugo, Ourense, A Mariña, Ferrol ou Ribeira acolleron a presentación da nova campaña da X Solidaria. Na capital galega, máis de 200 persoas debuxaron sobre o chan da Quintana un recadro que rodeou unha X Solidaria xigante, visibilizando así a importancia de marcar a casiña de Fins Sociais na declaración da renda. 
Moitas das persoas beneficiarias dos programas financiados pola X Solidaria incidiron durante os actos na importancia de marcar o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na declaración. “Un simple xesto que non custa nada e que axuda a moitas persoas a través de programas tan diversos como atención a persoas sen fogar, con discapacidade, maiores, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero… É moi importante que nos consideremos protagonistas do cambio das persoas. Marcando a X Solidaria, somos partícipes do cambio social”, sinalaron.
A vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, e o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha, explicaron neste acto a importancia de marcar a X, “que beneficia directamente a milleiros de persoas en Galicia como as que hoxe están aquí”.
En palabras de Mónica Permuy, “hoxe as organizacións que representamos ao Terceiro Sector galego queremos facer un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario. Como sabedes, a Administracion ofrécenos a posibilidade de decidir a que queremos destinar unha parte do diñeiro que se recada cos nosos impostos. En concreto o 0,7 %. Esa porcentaxe irá destinada a proxectos para as persoas en risco de exclusión social. España é un dos países con máis desigualdades dentro da Unión Europea: hai 13 millóns de persoas que están en situación de pobreza e se todas as persoas que non marcan a X Solidaria o fixeran, poderíamos recadar 12 millóns de euros máis”.
Pola súa banda, o presidente do CERMI, Iker Sertucha incidiu na “necesidade de manter a calidade e filosofía destes fondos de acción social” que dende o ano pasado xestiona a Xunta de Galicia. “É unha boa nova que permitirá unha maior proximidade ás persoas e ás necesidades, pero para iso débense manter os criterios do presente modelo. Nós queremos instar, en primeiro lugar, a que o 100% do diñeiro vaia integramente destinado a Política Social. En segundo lugar, que estes cartos sigan estando destinados a ONGs inscritas e recoñecidas na nosa comunidade e, en terceiro lugar, que haxa menos burocracia na documentación e que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha os proxectos”.
Tanto as persoas beneficiarias como as responsables das ONG organizadoras, coincidiron en destacar que se trata “dun dereito que temos todas e todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos”. O que se pretende con esta campaña é animar á xente a que marque o recadro de Fins Sociais, porque “non estaremos pagando máis impostos nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuír á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión social”.

A X Solidaria financia numerosos programas de saúde mental en Galicia

As asociacións que integran Saúde Mental FEAFES Galicia levan a cabo múltiples programas financiados a cargo do IRPF que axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, das súas familias e das persoas coidadoras. O último ano, esta partida supuxo unha inversión total de 555.173,76€, grazas á cal se puideron beneficiar miles de persoas usuarias dos nosos servizos. 
Un dos proxectos que recibe estes recursos é o programa Acompaña Saúde Mental, que facilita apoios para o acceso das persoas con problemas de saúde mental aos recursos sociocomunitarios coa fin de manter unha calidade de vida digna. Ademais, as asociacións tamén executan o programa Capacita Saúde Mental que inclúe as escolas de familias e os grupos de autoaxuda. 
Tamén recibe financiamento desta partida o programa Incorpora Social Saúde Mental, centrado na inserción social e comunitaria de persoas con enfermidade mental crónica con medidas xudiciais; do mesmo xeito que o fai o programa Respira Saúde Mental, no que se realizan actividades de ocio para persoas con problemas de saúde mental e que tamén supoñen un descanso na tarefa das persoas coidadoras.
Outras actuacións que se benefician do X Solidario son o programa PSH Inclusión Saúde Mental, que traballa coas persoas sen fogar con problemas de saúde mental na cidade de Lugo; ademais dos programas Inclúe Emprego Saúde Mental, Achega Saúde Mental, Atendo Saúde Mental, Previr Saúde Mental e Volunta Saúde Mental, que tratan de mellorar os servizos de atención, acceso ao emprego e información e atención, ademais da prevención nas diferentes vilas e cidades galegas onde teñen presenza as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia.
A maiores, este ano tamén recibimos apoio económico desta partida para o comezo da construción dunha Unidade Residencial para persoas con problemas de saúde mental no concello de As Pontes.