Skip to main content
Santiago de Compostela acolleu onte a presentación da nova campaña da X Solidaria, que este ano reuniu na capital a máis de 400 persoas que debuxaron sobre o chan do Obradoiro unha X humana, visibilizando así a importancia de marcar a casiña de fins sociais na declaración da renda. 
Moitos destes beneficiarios incidiron durante o acto na importancia de marcar o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na declaración, pois trátase dun simple xesto que non custa nada e que axuda a moitas persoas a través de programas tan diversos como atención de persoas sen fogar, persoas con discapacidade, maiores, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero, etc.
A vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha e a representante da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, explicaron neste acto a importancia de marcar a X, “acción que beneficia directamente a milleiros de persoas en Galicia como as que hoxe están aquí”. En palabras de Mónica Permuy, “hoxe as organizacións que representamos ao Terceiro Sector galego queremos facer un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario”. 
A Administracion ofrece a posibilidade de que cada contribuínte decida a que quere destinar unha parte do diñeiro que se recada cos seus impostos, concretamente o 0,7 %. Marcando o recadro 106, esa porcentaxe irá destinada a financiar proxectos sociais para as persoas en risco de exclusión. “España é un dos países con máis desigualdades dentro da Unión Europea. Hai 13 millóns de persoas que están en situación de pobreza, e se tódalas persoas que non marcan a X Solidaria o fixesen, poderíamos recadar 11 millóns de euros máis”, declarou Mónica Permuy.
Pola súa banda, o presidente do CERMI, Iker Sertucha, tamén quixo incidir na “necesidade de manter a calidade e filosofía destes fondos de acción social” que ata agora xestionaba o Ministerio, pero que a partir do próximo ano xestionará a Xunta de Galicia. “É unha boa nova que permitirá unha maior proximidade ás persoas e ás necesidades, pero para iso débense manter os criterios do presente modelo. Nós queremos instar, en primeiro lugar, a que o 100% do diñeiro vaia integramente destinado a política social; en segundo lugar, que estes cartos estean destinados a ONGS inscritas e recoñecidas na nosa comunidade autónoma; e en terceiro lugar, que haxa menos burocracia na documentación e que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha os proxectos”.
Tanto os beneficiarios alí presentes como os responsables das ONG organizadoras, coincidiron tamén en destacar que se trata dun dereito que temos todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos. “O que pretendemos con esta campaña é animar á xente a que marque o recadro de Actividades de Interese Xeral, porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuír á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión social”.