Skip to main content
Este ano, a asociación compostelá Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares na área de Santiago. Para celebralo, o pasado sábado 29 de xuño realizou unha gran romaría durante todo o día a carón da Fonte da Virxe, en Conxo, lugar do que a asociación tomou o seu nome.
O acto principal consistiu na inauguración dun banco de cerámica que conmemora o 25 aniversario da asociación e que foi elaborado de xeito participativo nos seus talleres de cerámica. Despois houbo un xantar de convivencia e pola tarde celebrouse unha gran festa cun concerto en directo de Natalia González.
Neste encontro pretendeuse reunir a todas as persoas que forman parte da historia da asociación: membros fundadores, persoas usuarias, familias, traballadores, amigos… Volveuse así, 25 anos despois, ao punto de partida para facer balance da traxectoria vivida e reafirmar os propósitos fundacionais da asociación. En definitiva, foi un encontro lúdico e festivo no que se compartiron experiencias, recordos e vivencias persoais e familiares.

Fonte da Virxe, o lugar onde comezou todo

Fonte da Virxe é unha área natural do barrio de Conxo recentemente acondicionada e aberta ao público que, antigamente, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Naquel entón, era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e foi tamén onde comezaron a reunirse os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente.
En 1994 formalizouse a asociación Fonte da Virxe, identificado a súa misión co nome do lugar de orixe e abrindo outros puntos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental fóra do recinto hospitalario. 25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe conta cun Centro de Rehabilitación no Barrio de San Pedro e un Centro Ocupacional na Barcia.

Un banco conmemorativo construído por moitas mans 

A idea de construír un banco para conmemorar o 25 aniversario de Fonte da Virxe xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro da asociación. Para dar forma á peza, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou do deseño gráfico. 
O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Ten forma dun gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levántase unha estrutura de albanelería, a cal vai recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos.
Estes talleres de participación aberta tiveron lugar durante os meses de abril e maio, cando calquera persoa interesada puido achegarse á asociación para elaborar as súas pezas. Ademais, Fonte da Virxe contou co apoio especial da asociación Itínera, que axudou a facer a armazón da base do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participou na elaboración das lousas cerámicas da cobertura.
Para máis información sobre esta e outras actividades do 25 aniversario de Fonte da Virxe, pódese visitar a web www.fontedavirxe.org.