Skip to main content

O Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, foi o escenario que acolleu a final do VIII Campionato de Balompé “Todos polo fútbol” organizado por FEAFES Galicia. Un ano máis, os equipos das distintas asociacións da entidade déronse cita para clausurar tres meses de Liga cun torneo no que reinaron a diversión, o deporte e a convivencia.

Ás 10:00 da mañá comezaron a chegar os primeiros equipos dispostos a enfrontarse ós seus contrincantes. Tras abastecerse cun kit enerxético de supervivencia facilitado pola Federación, calzaron as botas e saíron ó campo para demostrar a súa valía. Con este campionato, as persoas con enfermidade mental demostran que poden realizar deporte en igualdade de condicións que o resto da poboación, disfrutando dun ocio normalizado e loitando contra o estigma que sofre este colectivo.

Tras dous partidos eliminatorios previos e os catro partidos de cuartos, ás 13:30 comezaron as semifinais, dous encontros que conseguiron poñer en tensión ó pavillón enteiro. Os equipos de Morea (O Barco) e FEAFES Vigo víronse a cara nun partido ben reñido que deixou como vencedores ós segundos, mentres que os equipos de Lenda (Redondela) e Alba (Pontevedra) retáronse para facerse un oco na final resultando gañadores os primeiros.

A hora da comida serviu para repoñer forzas e caldear o ambiente, pois tras un xantar de convivencia nos arredores do complexo deportivo, o torneo retomou o seu transcorrer con máis emoción, se cabe, que pola mañá. 

Ás 17:00 comezou o partido final que case poderiamos catalogar de derby. Lenda e FEAFES Vigo desafiáronse no campo para disputar un encontro que nada tivo que envexar en nivel de emoción ós dous partidos anteriores, pois a tan só un minuto do desenlace, FEAFES Vigo logrou desfacer o 5-5 no que se atopaban para proclamarse campións do VIII Campionato de Balompé “Todos polo fútbol”.

Unha entrega de premios presidida por tres membros da Xunta Directiva de FEAFES Galicia, Rafa, Montse e Félix, clausurou o día. Ademais dos trofeos ós catro equipos que encabezaron a clasificación, entregouse un premio especial ó mellor porteiro e ó mellor xogador, sen esquecer as medallas ben merecidas que recibiron todos os xogadores pola súa participación.

Rematada a xornada, tan só nos queda agradecer a asistencia e boa disposición de todos os equipos participantes (Alba Pontevedra, Apem Coruña, Apem Cambre, Apem Cee, Doa Vigo, FEAFES Vigo, Lar Vilagarcía, Lenda Redondela, Morea O Barco e Portanova Narón), así como das estupendas aficións que animaron o campionato durante todo o día. Cabe destacar tamén a colaboración de empresas e entidades como Gadis, Coca-Cola, a Comisión Territorial de Santiago do Comité Técnico de Árbitros de Fútbol Sala, o Servizo de Deportes do Concello de Santiago e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

E para os morriñentos e os que queirades recordar os mellores momentos da xornada, podedes consultar a galería de fotos do evento no noso Facebook, ver o vídeo resumo da xornada ou revisar a reportaxe que fixo a TVG sobre este torneo (minuto 34:25).  

cronica final balompia (1).JPG          cronica final balompia (2).JPG