Skip to main content
A Asociación de Familiares Amigos e Persoas con Enfermidade Mental de Narón, AFAES Porta Nova, está a impartir dúas accións formativas subvencionadas pola Consellería de Política Social e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo  para a promoción de actividades de servizos comunitarios e de inclusión social.
Trátase, en primeiro lugar, dun curso de xardinería e limpeza de xardíns de 158 horas que comezou o pasado 19 de outubro e que se prolongará ata o 27 de novembro. Para este curso foron seleccionadas 11 persoas, todas elas procedentes do Plan de Inclusión a través do Equipo Comarcal de As Pontes. As prácticas faranse tanto na finca de AFAES sita nos Vicás, Narón, como nas instalacións da empresa Arce S.L, e tamén noutros xardíns e cerres privados da zona. 
A outra acción formativa é un curso de lavandaría industrial de 145 horas que comezou o pasado 26 de outubro e que rematará o vindeiro 27 de novembro. Neste curso participan 8 persoas que realizarán prácticas internas na lavandaría industrial do Centro Ocupacional Porta Nova, e tamén externas, por segundo ano, nas instalacións de Geriatros en Naron. 
Moitos dos alumnos foron derivados dende o Plan de Inclusión Social a través do Equipo Comarcal de As Pontes, que participaron nestas accións formativas xunto a outro grupo de usuarios da propia asociación AFAES. Os contidos específicos de xardinería e lavandería dos cursos están impartidos por profesores de taller do Centro Porta Nova, contando coa colaboración de dous técnicos do Plan de Inclusión Social do Equipo Comarcal de As Pontes para impartir os contidos transversais.