Skip to main content
Novas

Usuarios de Feafes Galicia fan prácticas non laborables en Kiabi

By 16 de Febreiro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

Tres usuarios de Feafes Galicia están a realizar dende o mes de xaneiro prácticas non laborables nas instalacións da empresa Kiabi en Santiago de Compostela. Dous dos mozos comezaron a traballar a principios de ano e unha terceira incorporouse en febreiro.

Os tres usuarios desempeñan os seus labores en almacén e, en función das necesidades, tamén realizan tarefas na tenda. Alí, colocan a roupa en perchas, alármana e dispóñena para a venda ao público.

As prácticas non laborables teñen un período de duración de dous meses, con catro horas diarias. O seu obxectivo é formar os usuarios para mellorar a súa empregabilidade, gañar experiencia dentro dun ámbito laboral e abrir portas de cara á inserción.

Antes do inicio das prácticas, Kiabi e Feafes Galicia asinaron un acordo de colaboración polo cal se establece que a federación se fai cargo da contratación do seguro. Pola súa banda, Kiabi designou un titor para cada un dos mozos. Os devanditos titores encárganse de apoiar os usuarios no seu labor diario e de facer o seguimento da súa evolución.

Segundo explicaron os mozos participantes aos responsables de Emprego de Feafes Galicia, a experiencia foi moi positiva e encontraron un bo ambiente, o cal favorece a integración dentro do ámbito laboral e do equipo de traballo. Visto o éxito da iniciativa, Feafes Galicia espera continuar con esta colaboración e enviar a máis usuarios para realizar prácticas en Kiabi e que de aí poidan xurdir futuros contratos ou outras vías de colaboración.