Nesta sexta edición, un grupo de sete usuarios de FEAFES Galicia e as súas asociacións, desprazáronse ata Santiago de Compostela para participar nas mesas de debate e nos foros de discusión do encontro. Trátase de representantes do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia procedentes de Vigo, Redondela, Narón, Santiago e Ordes.
Baixo o lema “As palabras xa non abondan. Queremos compromisos!”, o tema vertebrador desta edición foi o debate sobre como mellorar a participación social e política nos concellos, xirando arredor da participación cidadá e das estratexias de supervivencia no actual contexto de crise. O Seminario enmarcouse na campaña “Concellos ao servizo das persoas”, propoñendo ideas para mellorar os concellos e comprobando se as candidaturas ás eleccións municipais teñen como prioridade a loita contra a emerxencia da pobreza e a exclusión social.
No seminario, ademais dos grupos de traballo, realizouse unha presentación de exemplos de iniciativas de participación efectiva en Bilbao, Compostela, Pontevedra, Vigo ou El Salvador. Así mesmo, tamén tivo lugar unha mesa de diálogo con representantes dos partidos políticos con presenza no Parlamento de Galicia, que responderon ás preguntas elaboradas polos participantes. As voceiras dos partidos en cuestión foron Paula Prado (PP), Carmen Gallego (PSdeG-PSOE), Carme Adan (BNG) e Maria Rozas (EU), que estiveron moderadas pola xornalista da Radio Galega, Clara de Saa.
Baixo o título “Cómo se comprometen coas persoas nos concellos?”, a mesa de diálogo coas representantes parlamentarias tivo como referencia as propostas e demandas da campaña “Concellos ao servizo das persoas” que EAPN Galicia está a presentar aos candidatos ás eleccións municipais do 24 de maio. Gran parte das propostas desta campaña e a esixencia expresa de compromisos por parte dos candidatos ás eleccións, proceden das conclusións obtidas en anteriores edicións do Encontros de Participación e Cidadanía Activa.