O Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organizou unha saída a Manzaneda durante os días 5, 6, 7 e 8 de maio. Nela están a participar un total de 98 usuarios pertencentes a once asociacións federadas: Doa, Porta Nova, Lar, Morea, A Mariña, A Creba, Albores, Alba, Apem, Lenda e Avelaíña.
Durante estes catro días, os participantes poderán disfrutar de diversas actividades lúdicas e deportivas que lles axudarán a gozar da natureza dun xeito divertido e saudable. O programa da viaxe comprende propostas que van dende o tradicional sendeirismo polas incomparables paraxes da zona ata actividades máis atrevidas como escalada ou tiro con arco.
Ademais, os participantes practicarán deportes como natación ou béisbol, porán a proba a súa orientación, demostrarán as súas dotes na equitación a través de rutas a cabalo, recordarán diversos xogos populares como a petanca, e moverán o esqueleto polas noites nas sesións de Discoteca organizadas para eles.
Este tipo de saídas permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e favorecen a plena integración deste colectivo na sociedade. A través destas actividades, os participantes rompen coa rutina diaria, realizan exercicio físico, socializan e enriquécense a nivel persoal.
Ao mesmo tempo, viaxes como a de Manzaneda permiten que os familiares que habitualmente realizan a tarefa de coidadores teñan uns días de respiro, durante os cales as persoas con enfermidade mental están igualmente atendidas e os familiares poden dedicarse un tempo a si mesmos.