A Rede Galega de Loita Contra a Pobreza, EAPN-Galicia, celebra este sábado 10 de maio o V Seminario Galego Participación e Cidadanía Inclusiva no edificio CERSIA de Santiago. Trátase dun encontro de participación de persoas en risco de pobreza ou exclusión no que elas son as protagonistas, as que falan e contan os seus puntos de vista, as súas opinións, os seus problemas, perspectivas etc.
Este encontro ten un formato de mesa de discusión no que os participantes, divididos en grupos, falan e debaten acerca de varios temas. Nesta quinta edición, os temas vertebradores da xornada xirarán arredor da participación política e as estratexias de supervivencia destes individuos no actual contexto de crise.
No marco do Encontro tamén se vai celebrar o primeiro debate da campaña electoral cos candidatos dos partidos políticos que se presentan ás eleccións europeas do 25M e que teñen representación política no Parlamento de Galicia. O debate comezará ás 17:00 horas e estará moderado pola xornalista da Televisión de Galicia Marga Pazos, levando como fío condutor a seguinte pregunta: como pensan loitar contra a pobreza e a exclusión dende o Parlamento Europeo?
Tendo en conta a situación das máis de 636.000 persoas en risco de exclusión e pobreza que hai en Galicia, a polémica xerada arredor das cifras sobre pobreza infantil, etc., o debate versará sobre as iniciativas e actuacións dos partidos políticos para poñer no centro da axenda europea a loita contra a pobreza e a exclusión social. Como representantes dos distintos partidos políticos acudirán María Bastida (PP), Nicolás González Casares (PSOE), Ana Miranda (BNG) e Xabier Ron (AGE).
O Encontro poderá ser seguido a través das redes sociais mediante o hastag #EUparticipo e poderase consultar o programa completo do evento pinchando no seguinte enlace.