Máis de 50 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galica xuntáronse en Cambre para gozar dunha xornada de deporte inclusivo e convivencia no V Encontro Multideporte.
Este pasado venres 22 de maio, a Escuela de Tenis Marineda acolleu nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o V Encontro Multideporte que organizaron en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolveu de 10h a 14h, participaron máis de 50 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as asociacións que a conforman, procedentes de toda Galicia.
O encontro, cun marcado carácter lúdico e de convivencia, incluíu actividades de tenis, pádel, baloncesto e pickleball. Divididos en grupos, as persoas participantes rotaron polas catro estacións nas que os monitores e monitoras realizaron clases prácticas e xogos relacionados con cada deprote. Deste xeito, tiveron un primeiro contacto coas disciplinas deportivas de ténis, pádel e pickleball, dirixidas polos monitores da Escola de Tenis Marineda; e unha alternativa máis lúdica na estación de fútbol.
Unha xornada de deporte e convivencia
As persoas participantes nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Apem, DOA, Saúde Mental Ferrol, Andaina, Avelaíña, Fonte da Virxe e Alba.
O obxectivo do encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite ás persoas participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así a súa autoestima e benestar.
Tras a mañá de deporte inclusivo, moitas das persoas participantes gozaron dun picnic nas instalacións da Escuela de Tenis Marineda para seguir unindo lazos e poñerlle a guinda á xornada. Grazas a todos e todas por participar deste encontro!
Coa colaboración de:













