A asociación Saúde Mental A Mariña continúa un ano máis co seu programa Velando pola miña saúde intengral, que beneficia ás mulleres usuarias da asociación.

No 2025, Saúde Mental A Mariña comeza a sexta edición do programa Velando pola miña saúde intengral. Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0’7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

No programa, Saúde Mental A Mariña brinda un apoio fundamental ás mulleres usuarias das Unidades Residenciais e da Viveda Tutelada para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero con Enfermidade Mental. Con esta iniciativa acompáñanas na asistencia e seguimento das súas citas médicas e facilitan a comprensión e o cumprimento das indicacións que se lles pautan. Así mesmo, procuran a estabilidade clínica favorecendo o seguimento das indicacións médicas, co fin de cumprir coas mesmas e contar co tratamento médico individualizado e adaptado ás necesidades de cada persoa.

Entre as actuacións que desenvolven no programa, tamén se realizan talleres de educación para a saúde, na que as usuarias reciben información e ferramentas para levar unha vida saudable.

 

—

O programa Velando pola miña saúde integral é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

 

                                                      

Share