A Casa da Troia é un museo romántico que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela «A Casa da Troia». Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.
O pasado 9 de xuño, un grupo de 15 membros do Club de Ocio de FEAFES Santiago tiveron a oportunidade de coñecer este singular edificio nunha visita guiada por cortesía do Padroado da Fundación Casa da Troia.
O obxectivo desta actividade era coñecer un pouquiño máis a historia e o patrimonio cultural de Compostela. Para iso, mergulláronse na forma de vida dos estudantes do século XIX, aprenderon detalles sobre a vida de Alejandro Pérez Lugín e descubriron curiosidades sobre as películas que se rodaron baseadas nesta historia.
Entre as estancias da casa destacan a recepción, o salón-comedor, a sala de visitas para os familiares dos estudantes, os dormitorios, a cociña e as antigas cuadras dos cabalos, dedicadas actualmente ás tunas universitarias. A casa está ambientada con mobles e útiles da época, do mesmo xeito que se conservan fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron aos personaxes que aparecen no libro.
O museo dispón ademais dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela «A Casa da Troia», así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Vale-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta
e outras obras de temática compostelá.