Skip to main content
Marina Macías e Adrián Varela, persoal técnico de atención sociocomunitaria das vivendas de transición.

Hoxe, 23 de novembro, conmemórase o Día Europeo das Persoas Sen Teito. Para cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de rúa en Compostela, Saúde Mental FEAFES Galicia dispón dun proxecto de vivendas de transición no marco do Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión financiado polo Concello de Santiago de Compostela.
“Eu nun principio estaba moi confuso porque a pensión non contributiva que teño é moi pequena e sempre estaba en número vermellos. En FEAFES faláronme do piso de transición e accedín a entrar”, conta unha das persoas que fai uso destas vivendas. Para el, o paso por este recurso supuxo un cambio radical porque aprendeu a xestionar a economía doméstica, a facer a compra adecuadamente, a cociñar ou a manter unha convivencia correcta cos seus compañeiros.
Marina Macías, técnica de atención sociocomunitaria nas vivendas de transición, conta que existen dous factores chave cos que se traballa neste proxecto: por unha banda, a consecución da autonomía das persoas usuarias e, por outra, que o obxectivo último sexa lograr a saída dos pisos. “Son persoas adultas, polo que o traballo con elas é dende a negociación e o acordo mutuo dos obxectivos, dende o apoio emocional e a atención psicolóxica, sempre permitindo que poñan os límites que consideren necesarios”, indica Marina. “O obxectivo é que aquilo que se traballa sexa considerado necesario por eles mesmos e que a consecución dos obxectivos os aproxime á saída con novas habilidades e competencias”, engade.
O perfil das persoas que se atenden neste proxecto é variado, e cada unha delas ten as súas aptitudes e dificultades, pero a priori, indica Marina, “a situación de rúa xera unha alta tensión e isto normalmente afecta á patoloxía. Unido a esta circunstancia adoitan concorrer outros factores, como dificultades emocionais carrexadas pola situación económica ou familiar”. Con todo, os maiores inconvenientes adoitan estar vinculados á xestión económica e á falta de ingresos; “isto, con frecuencia, repercute en hábitos de vida pouco saudables”, engade a técnica.

Dende a compra ata a convivencia: así é a aprendizaxe nos pisos de transición

Respecto ao traballo que se realiza nos pisos de transición, Marina Macías relata que as liñas de actuación dependen das necesidades de cada persoa. “Adoitamos comezar con acompañamentos a servizos sanitarios e á rede de servizos sociais, para, en primeiro lugar, xerar unha seguridade no usuario. O seguinte gran fronte é o apoio na xestión económica, pois é básico que as persoas aprendan a ter uns hábitos alimenticios, de hixiene e de vida dentro das súas posibilidades”
Así, unha das persoas usuarias dos pisos sinala que aprendeu cousas tan sinxelas e útiles como elixir marcas económicas á hora de facer a compra ou administrar o diñeiro do que dispón. “Cada un necesita o seu tempo para interiorizar os novos hábitos, pero sempre estiven moi contento cos profesionais e cos compañeiros, respectando as formas de ser de cada un”, conta. 
Outro dos seus compañeiros destaca a convivencia como unha das cuestións sobre as que máis está a aprender: “Ás veces houbo situacións difíciles”, indica, “pero achegáronme moita aprendizaxe. Aprendín que a vida pode dar un gran xiro dun momento a outro e aquí atopo a oportunidade de poder adquirir novas formas de autonomía, por exemplo en aspectos emocionais, na xestión económica e en construír unha ponte para poder crear o meu propio modo de vida”, relata.
O apoio emocional e a creación dunha rede social que poida ser de utilidade para estas persoas é outra das cuestións que se abordan neste programa. “Preténdese, en definitiva, que as persoas usuarias dos pisos de transición poidan alcanzar un nivel de autonomía que lles permita levar unha vida normalizada, dotados de competencias e habilidades e que ademais entren en contacto cunha rede de recursos sanitarios e sociais que poidan serlles de axuda”, conclúe Marina.

O traballo en rede, un elemento fundamental

A complexidade dos casos e circunstancias nas que se atopan as persoas en situación de rúa esixen un traballo conxunto e constante de múltiples axentes que, ademais, deben dar unha resposta inmediata en moitas ocasións. “Debemos ter en conta que, a pesar de normalizar a presenza destas persoas na nosa contorna, o seu día a día é sobrevivir. E a cobertura de necesidades básicas como alimentación, asistencia médica ou hixiene, non entenden de atención con cita previa” sinala Adrián Varela, compañeiro de Marina no proxecto de vivendas de transición en Compostela.
Dende o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia, mantense unha comunicación constante cos servizos sociais comunitarios. “Cabe resaltar o esforzo do Concello de Santiago de Compostela ao incluír no seu persoal de traballadoras sociais a unha profesional dedicada en exclusividade á atención a estas persoas, o que nos permitiu contar cunha liña de comunicación ininterrompida e inmediata cos Servizos Sociais Comunitarios”, indica Adrián. 
Así mesmo, realízanse coordinacións diarias con outras entidades e servizos de atención a persoas sen fogar da cidade coas que se establecen liñas de intervención conxunta na xestión dos casos: Cruz Vermella, Cáritas Diocesana, Provivienda, a Cociña Económica ou o Centro Sociocultural Xoán XXIII, son algúns deles. E por suposto, tamén é fundamental a relación cos servizos sanitarios, tanto aqueles especializados en saúde mental como os relacionados coa asistencia a persoas con problemas de adicción. “Neste aspecto, a pesar dos enormes esforzos das administracións públicas por articular respostas máis efectivas á problemática sen fogar nos últimos anos, aínda existe unha gran marxe de mellora”, indica Adrián.

Non ter teito en tempos de  COVID

Como é evidente, o actual contexto de pandemia provocado pola COVID-19 afectou de maneira máis crúa ás persoas sen fogar, aínda que isto non supuxo un gran cambio no seu día a día. “Articuláronse respostas excepcionais e fixéronse moitas horas para poder atender, neste contexto, a xa precaria situación destas persoas. As dificultades simplemente multiplicáronse. As respostas públicas á situación das persoas sen fogar durante a pandemia centráronse en medidas de control sanitario, o que é comprensible, pero a desescalada posterior deixou claro que as medidas eran excepcionais e que o escenario que deixan afonda no agravamento da situación das persoas sen fogar”, relata Adrián Varela.
Para el, o senfogarismo é o síntoma máis grave dun problema estrutural. “O acceso á vivenda, recollido na nosa constitución como un dereito fundamental, está no centro deste debate. É evidente que as causa polas que unha persoa atópase en situación de rúa poden ser moitas, pero todas elas xeran situacións complexas que requiren un esforzo a diferentes niveis que debería estar entre os puntos principais da axenda dunha sociedade do século XXI”, reflexiona Adrián.
Polo de pronto, o proxecto de vivendas de transición que xestiona Saúde Mental FEAFES Galicia en Compostela trata de achegar, na medida das súas posibilidades, unha pequena resposta á situación do senfogarismo na capital galega, que non resulta tan pequena cando se analiza en relación aos cambios que aporta na vida das persoas que se benefician del. “Grazas a FEAFES conseguín mesmo saír do piso, adquirir unha vida fora e ter unha nova familia. Dende aquí dou as grazas á entidade e aos meus compañeiros”, conclúe unha das persoas usuarias que hoxe xa conta cunha vida fora do recurso.