A través do programa “Volunta” impulsamos o voluntariado e formamos ás persoas voluntarias nas nosas asociacións.
Facer voluntariado non só ten beneficios para as persoas con problemas de saúde mental ás que se acompaña, senón para a propia persoa que decide realizar esta actividade altruísta. Co voluntariado amplíanse coñecementos, rómpense prexuízos e medos, médrase a nivel persoal, refórzanse as redes de apoio e mellóranse as habilidades sociais entre outros moitos beneficios.
En Saúde Mental FEAFES Galicia e nas nosas entidades asociadas cremos que o voluntariado supón un camiño de enriquecemento e beneficio. Por iso fomentamos o voluntariado a través do programa “Volunta”.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Actualmente, o programa “Volunta” é levado a cabo polas asociacións Andaina, Fonte da Virxe, A Mariña, Alume e Doa.
Formamos voluntarios e voluntarias
A través desta iniciativa, traballamos con 17 persoas voluntarias das nosas asociacións co obxectivo de dotalas dos coñecementos e ferramentas necesarias para a súa participación nas diferentes actividades que realizan as nosas asociacións.
O proxecto “Volunta” busca formar ao persoal voluntario en materias de saúde mental e de sectores de acción voluntaria vencellados a acción social, a exclusión, a defensa dos dereitos humanos, da igualdade de xénero e das persoas con discapacidade. Do mesmo xeito, tamén fomentamos o uso responsable das novas tecnoloxías a través da súa participación activa nas asociacións.
Tamén buscamos a participación da poboación que reside na contorna das nosas asociacións. A través do voluntariado damos a coñecer os programas e a nosa labor entre a veciñanza. Isto facilita que se manteñan as persoas voluntarias e aparezan outras novas, que as asociacións e as súas persoas usuarias sexan parte activa da comunidade, que os veciños e veciñas participen nas actividades das asociacións e que se derruben estigmas e prexuízos.
Esta iniciativa favorece tamén que as persoas con problemas de saúde mental fortalezan os seus vínculos e a súa participación coa comunidade.
—
O programa Volunta é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.
![]()


