Skip to main content
“O Sombreiro de Merlín” é un programa de carácter literario e cultural no que se difunden diversas iniciativas e artes empregando como fío condutor o mundo da escrita. Na súa vontade por achegar aos espectadores realidades cotiás e sociais que nos rodean, o ano pasado comezou unha colaboración con FEAFES Galicia reservando un espazo mensual para falar de saúde mental.
Este programa emítese todos os sábados de 12:00 a 13:00 na emisora compostelá Radio Obradoiro. Tras o parón de verán, nesta nova tempada de “O Sombreiro de Merlín” volveremos a ter a oportunidade de acudir cada mes ao estudio para achegar aos radiooíntes a realidade sobre a saúde mental. 
O sábado 26 de outubro retomamos esta colaboración mediante a intervención de Zulema Rodríguez, coordinadora de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, que falará dos beneficios que teñen as actividades lúdicas e deportivas para as persoas con enfermidade mental. Zulema contará como transcorreu o III Campionato de Pingpong de FEAFES Galicia e Doa celebrado o pasado 11 de setembro en Cangas do Morrazo e adiantará información sobre unha das vindeiras actividades programadas para os usuarios da entidade: o Camiño de Santiago.
De aí en adiante, “O Sombreiro de Merlín” dedicará un sábado de cada mes a un tema relacionado coa saúde mental: emprego, mulleres, familias, comunicación, etc., convidando a profesionais e usuarios de FEAFES Galicia que achegarán, a través da tertulia, información sobre esta realidade que poida resultar de interese para os oíntes.
“O Sombreiro de Merlín” está conducido por Alicia López, licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, directora e docente de diversos cursos relacionados con escritura e creación literaria, e coordinadora de varios clubs de lectura. Ademais da súa paixón pola literatura e as artes, Alicia ten una gran inquedanza social e moitas ganas de dar a coñecer á cidadanía o traballo que realizan entidades sen ánimo de lucro como FEAFES Galicia, Panxea Comercio Xusto ou Médicos Sen Fronteiras.