Skip to main content

Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da declaración da renda, as ONG galegas do sector social representadas por EAPN Galicia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia e Cermi Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidaria.

As ONG prestan servizos esenciais na loita contra a exclusión social e a pobreza, traballan en primeira liña contra os efectos provocados tras tres anos de pandemia, a crise enerxética, a inflación e a guerra de Ucraína. O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias miles de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.

Xa foron moitas as persoas que o ano pasado colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 750.867 persoas, o que supón o 54,5% do total das contribuíntes. Con este xesto, recadáronse 21.391.293€ que recaeron en 140 organizacións galegas de acción social. Estas puideron levar a cabo máis de 607 proxectos que beneficiaron de maneira directa a 182.904 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente nova, infancia, etc.

No caso de Saúde Mental FEAFES Galicia, grazas aos fondos recadados a través da X Solidaria, tanto as delegacións como as asociacións puideron realizar un total de 11 programas dos que se beneficiaron 1.084 persoas con problemas de saúde mental e familiares. Ademais, financiáronse 5 proxectos de investimento nos que houbo 201 persoas beneficiarias.

Chámalle X

A campaña da X Solidaria foi presentada en Galicia o pasado 31 de marzo cunha X grande de tea que se despregou na Praza da Quintana sostida por persoas representantes de diferentes entidades sociais.

Segundo expresou Xosé Cuns, director de EAPN Galicia, “marcando o cadro de fins sociais loitamos para cambiar a situación de miles de persoas. Non debemos esquecer que son máis de 13 millóns as persoas que viven en risco de pobreza a nivel estatal, 678.000 en Galicia, das que 237.769 viven en pobreza severa”.

Mónica Viqueira, vicepresidenta da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, destacou que “decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro da X Solidaria pola súa propia decisión”.

Finalmente, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, resaltou que “se marcamos a X Solidaria non nos vai custar nada. Nin pagamos máis, nin nos van a devolver menos. Ademais, non resta, senón que suma: se xa marcas o recadro da Igrexa, podes tamén marcar o de Actividades de Interese Social e así axudas o dobre”.

Este ano, tamén queremos encher as redes sociais coas etiquetas #ChámalleX e #LlámaloXSolidaria para sensibilizar a todas as persoas contribuíntes sobre a importancia que supón que nuns impostos nos que se pode decidir a quen dirixir o diñeiro, escollan ás entidades sociais.