Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidaria.
Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra a exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.
O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.
Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Con este xesto recadáronse 19.635.313€ que recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos. Estes beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenas e nenos, etc.
Segundo expresou na presentación da campaña Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia: “o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos…. abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”.
O presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.
Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades da infancia, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”
emerXencia SOLIDARIA
O Terceiro Sector galego presentaba na Praza da Quintana a campaña do X Solidario con cartóns que recollían o lema “Emerxencia Solidaria”. O éxito da campaña do ano anterior debeuse a que se recoñecía o labor de milleiros de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social, loitando contra a pandemia, coa crise económica e social actual e que seguirán facéndoo. Neste ano queremos encher as redes sociais cos cancelos #emerXenciaSOLIDARIA e #MarcarLaXesLoNormal.
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.