Skip to main content

Máis de 40 participantes competirán en Lugo no XIII Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e Alume en colaboración coa asociación Dez Portas

Saúde Mental FEAFES Galicia e Alume organizan este venres 17 de marzo o XIII Torneo de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma e que conta coa colaboración da asociación local Dez Portas.

O campionato terá lugar no Pavillón Frigsa (R/ Monte Faro, 57) desde as 10h ata as 14h aproximadamente. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 45 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán unha comida de convivencia.

45 deportistas de 7 asociacións

As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a sete asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes). Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental Ferrol (Narón), Saúde Mental FEAFES Galicia (Lugo, Vigo e Santiago).

Deporte inclusivo e normalizado

O torneo de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre o colectivo. A través deste campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatindo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

As actividades de ocio e deporte que organiza Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois as persoas participantes rompe coa rutina diaria, realizan actividade física desde unha perspectiva lúdica, enriquecéndose culturalmente, socializan e intégranse na sociedade.

 

XIII Torneo de Tenis de Mesa 2023 cartel