Realizamos o XIV Camiño de Santiago con 73 peregrinas e peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental.
73 peregrinos e peregrinas participaron neste XIV Camiño de Santiago organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. Este ano cambiamos un pouco a nosa ruta habitual e fixemos tres etapas intermedias do Camiño Francés, concretamente as que se atopan entre Palas de Reis e A Salceda. Así podemos coñecer unha ruta diferente a que vimos facendo nos últimos anos.
Este ano participaron persoas das asociacións Saúde Mental Ferrol, Doa, APEM, Alume e Avelaíña; e os clubes de ocio das delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia de Coruña, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense.
Coñecendo novas etapas neste XIV Camiño de Santiago
Comezamos a nosa andaina o 14 de outubro na praza do concello de Palas de Rei. Saímos polo Campo dos Romeiros, tradicional lugar de encontro de peregrinos e peregrinas, e avanzamos polo camiño entre os bosques da comarca da Ulloa. Tras pasar O Carballal, San Xiao do Camiño, A Ponte Camapaña e Casanova; abandonamos a provincia de Lugo para entrar na de Coruña por O Coto e, desde aí, chegar a Leboeiro e finalmente a Melide. Despois de case 15km de camiño, detémonos a descansar no Albergue o Cruceiro,
Ao día seguinte, o camiño levounos por Boente ata Ribadiso, onde puidemos coñecer o seu albergue, considerado un dos máis bonitos do Camiño Francés. Está composto de varias casiñas tradicionais reformadas, con larerira e acceso directo ao río, onde camiñantes de todas as procedencias descansan os pés. Desde Ribadiso, encamiñámonos cara Arzúa onde fixemos a segunda noite no Albergue Santiago Apóstol.
Finalmente, o día 16 fixemos a última destas tres etapas. Saímos de Arzúa e pasamos por Cortobe, As Pereiriñas, A Taberna, A Calzada, A Rúa e Ferreiros. Alternamos entre zonas de bosques e prados e tramos de asfalto ata chegar ao noso destino, A Salceda.
Alí celebramos o final deste XIV Camiño de Santiago pola saúde mental cun xantar ben merecido. E coa promesa de voltar nunha nova ruta no 2025.
Un Camiño normalizador e integrador
Facer o camiño, así como as demais actividades de ocio e deporte que organizamos e as súas acción axuda a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, xa que lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidado.
Ademais, con esta iniciativa, queremos amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.
Noraboa, Camiñantes!
Coa colaboración de: