Skip to main content

O 8 de outubro, Saúde Mental FEAFES Galicia, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, organiza unha xornada participativa sobre saúde mental e mocidade con motivo do Día Mundial da Saúde Mental 2025.

Saúde Mental FEAFES Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) unen forzas para sensibilizar sobre a importancia do coidado da saúde mental entre as persoas mozas. Así, o vindeiro 8 de outubro, de 16h00 a 20h00, terán lugar as xornadas “Saúde Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro” no salón de actos da Facultade de Psicoloxía de Santiago.

O obxectivo deste encontro é sensibilizar á sociedade  sobre a importancia de coidar a saúde mental na etapa adolescente e xuvenil. Tamén busca difundir e poñer en valor diversas accións en prol da saúde mental que se levan a cabo tanto a nivel científico como asistencial, así como promover a cultura da prevención comunitaria e a coordinación entre distintos axentes.

O evento terá un carácter participativo, xa que tamén pretende servir de foro de intercambio e dinamización entre o estudantado universitario, familias e profesionais de diversos ámbitos. Tras cada intervención, abrirase unha rolda de participación na que o público poderá aportar a súa visión, resolver dúbidas e contribuír ás conversas.

As xornadas, que contan coa colaboración da Consellería de Sanidade e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, están destinadas tanto ao estudantado universitario como ás súas familias, pero tamén a profesionais do ámbito da saúde, do eido psicosocial, comunitario e da educación. Así mesmo, asistirán persoas pertencentes a entidades de saúde mental e organizacións afíns.

@lapsicologajaputa falará sobre a divulgación da saúde mental en redes sociais

A xornada “Saúde Mental e Moicidade: coidar do presente para construír o futuro” dará comezo ás 16h00 cunha benvida por parte de Xosé Ramón Girón García, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. Tras el, Mª José Sampedro Vizcaya, decana da Facultade de Psicoloxía de Santiago, continuará coa apertura, seguida de Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Finalmente, Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, inaugurará e dará comezo ao acto.

Será momento entón dun conversatorio sobre a divulgación científica da psicoloxía. Neste coloquio, a psicóloga, escritora e divulgadora Lorena Gascón (@lapsicologajaputa en redes), falará con Tamara Pazos (@putamen_t), tamén divulgadora e investigadora, sobre a responsabilidade e o compromiso que implica divulgar sobre saúde mental entre a xente moza. Conversarán sobre estilos de comunicación, boas e malas praxis na divulgación, o seu impacto, inquedanzas percibidas e, en definitiva, como empregar unha ferramenta como as redes sociais para facer chegar mensaxes de calado a unha poboación sobreexposta á información.

Dúas mesas sobre promoción, prevención e coidado da saúde mental entre a mocidade

As xornadas continuarán con dúas mesas redondas onde se darán a coñecer diversas accións que favorecen o coidado da saúde mental entre as persoas mozas.

Así, a primeira mesa estará centrada na prevención e a promoción da saúde mental entre a xuventude. Contaremos coa participación de Patricia Gómez Salgado, profesora da USC, que falará do impacto da tecnoloxía na saúde mental e o benestar emocional da adolescencia. Así mesmo, Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Antención á Saúde Mental do SERGAS, dará a coñecer a prevención escolar universal do suicidio a través do programa YAM.

Tras unha breve pausa para un café, o evento continuará cunha segunda mesa sobre coidados 360º da saúde mental entre a mocidadeYolanda Triñanes Pego, xefa do Servizo de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade, falará da avaliación e manexo clínico das autolesións na adolescencia. Pola súa banda, Ana López Durán, coordinadora da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, explicará o traballo que realiza a Unidade de Antención Psicolóxica da USC. Álvaro Gómez Pérez, en representación da asociación DOA, contará a súa experiencia no programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e as súas familias. Finalmente, Natalia Ruíz de Cortázar, directora da asociación Experientia, explicará como desde esta asociación introduciron a terapia a través da aventura, un formato pioneiro en España.

O evento rematará ás 20h00 da tarde cunha clausura a cargo de Xosé Ramón Girón García, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Unhas xornadas participativas e de interese sanitario

O carácter do evento “Saúde Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro” será dinámico e participativo. Anímase ás persoas asistentes a contribuír neste foro de intercambio a través das súas preguntas e observacións naqueles espazos que se ofrecerán despois de cada intervención.

As xornadas teñen solicitado, ademais, o recoñecemento de interese sanitario por parte da Consellería de Sanidade, o cal será acreditado para todas aquelas persoas que participen na mesma e así o soliciten. A entrada é de balde, previa inscripción, ata completar aforo. As persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario.

Tamén se pode consultar o programa completo aquí.

O Comité Organizador destas xornadas está formado por Ana Escrigas Rodríguez e Patricia Gómez Salgado na presidencia, e como vogais constan Javier Antelo Castro, Carina Fernández Rivera, Álvaro Fernández Theotonio, Vanesa Fernández Vila, Nuria García Couceiro, Sandra Golpe Ferreiro, Antonio Hernández Fernández, Rafael Pichel Mira, Antonio Rial Boubeta e Elena Rodríguez Pérez.