Skip to main content
A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia) e as 128 entidades que a integran, entre as que se atopa FEAFES Galicia, valoran positivamente a posta en marcha inmediata da Axenda Social de Galicia, asinada onte conxuntamente pola Xunta de Galicia, a FEGAMP e a EAPN-Galicia nun acto institucional no Pazo de Raxoi.
A implantación inmediata desta Axenda é obrigada ante o aumento notable da taxa de pobreza e exclusión en Galicia. Aínda que seguen sendo moi inferiores as do resto do estado, segundo o INE, entre o 2014 e 2015 a taxa AROPE aumentou en Galicia do 23,8% da poboación ao 25,7%, e o compoñente específico de pobreza relativa aumentou do 15,4% ao 19,4%. 
Como di a introdución da Axenda, EAPN-Galicia leva anos traballando co obxectivo de asegurar os dereitos das persoas en situación ou risco de pobreza e exclusión social, reclamando medidas que afronten as principais eivas do sistema galego e español de servizos sociais. Faise dende “o que xa se deu en chamar as C”: causas que provocan a pobreza; compromiso de tódolos sectores implicados e coordinación política e técnica entre e dentro das administracións públicas implicadas independentemente da súa cor política.
Esta Axenda recoñece tamén o dialogo civil, asegurando a participación das ONG implicadas no deseño das políticas públicas estatais, autonómicas e locais no ámbito social.

“4C” contra a pobreza e a exclusión social

Aínda que de xeito mellorable, nesta Axenda Social é a primeira vez que un documento destas características recolle as principais demandas da EAPN-Galicia para reducir cunha mínima eficiencia as disparadas taxas de pobreza e exclusión no conxunto do estado e tamén en Galicia, resumidas nas chamadas “4C”: 
  • Loita contra as Causas da pobreza e a exclusión social, lonxe de calquera asistencialismo no que non se respecte a dignidade das persoas. Aposta por fortalecer servizos sociais comunitarios e apoio a profesionais de base en concellos e organizacións sociais.
  • Compromiso político (orzamentos e planificación a medio e longo prazo)
  • Coordinación entre administracións e dentro de cada unha delas.
  • Dialogo Civil no que se recoñece as organizacións do terceiro sector de acción social como actores imprescindibles do sistema público de benestar galego.
Dende EAPN-Galicia entendese que estas “4C” son os requisitos mínimos sobre os que se debería construír calquera estratexia política ou programa electoral medianamente crible.

Melloras, transparencia e seguimento exhaustivo

A Axenda recolle medidas (algunhas en marcha e algunha nova) en eidos como o apoio á renda, a pobreza enerxética ou a exclusión residencial, priorizando colectivos ata agora menos atendidos como familias monoparentais ou con nenos e nenas ao seu cargo, prevención de dependencia, pobreza e precariedade laboral, etc.
 
Dende EAPN-Galicia esixirase a implantación inmediata da Axenda e obrigará a un seguimento exhaustivo para que as medidas que contempla realmente se poñan en marcha de inmediato e coa ambición e orzamento comprometido e non sexan unha mera declaración de intencións. É imprescindible tamén que se faga de xeito transparente analizando o nivel de compromiso e implicación de Xunta de Galicia e dos concellos. 
 
Cómpre tamén salientar que gran parte destas medidas (as de incremento do orzamento da RISGA, por exemplo) non serán factibles mentres non se aprobe o decreto que debe regular a Lei de Inclusión Social de Galicia, e que sigue sen presentarse despois de dous anos de retraso do prazo estipulado na mesma.