Skip to main content
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo onte en Santiago unha xuntanza co presidente do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) en Galicia, Iker Sertcuha, na que abordaron, entre outros asuntos, as melloras que a Xunta estuda introducir na convocatoria de axudas dirixida aos centros especiais de emprego, que se prevé publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) tras o verán.
Conde destacou que a nova orde de apoios está en fase de estudo e que se consensuará coas entidades máis representativas que traballan a favor das persoas con discapacidade. Entre as melloras que se están estudando apuntou o aumento no caso de que a persoa contratada sexa unha muller, pertenza a unidade familiar con todos os seus membros no paro ou se trate dun emprego rural.
O obxectivo, en palabras do conselleiro, é seguir mellorando os apoios a estas persoas, un colectivo que, segundo lembrou, é prioritario nas políticas activas de emprego da Xunta. De feito, sinalou que os incentivos á contratación e de apoio ao autoemprego contemplan un incremento do 25% no caso de que o traballador beneficiado sexa unha persoa con discapacidade. Este colectivo, ademais, ten preferencia para participar nos cursos de formación para desempregados.
Os programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade aumentan en xeral este ano un 37,5% con respecto a 2016, ata chegar aos 17,4 millóns de euros. Neste orzamento inclúense as axudas para impulsar a contratación nas empresas que xa saíron publicadas no DOG o pasado mes de xuño cun presuposto de 1,6 millóns. En 2105 e 2016 os recursos de emprego destinados a este colectivo tamén creceron, nun 14% e 17%, respectivamente.
Conde resaltou a importancia de seguir apostando pola inserción laboral das persoas con discapacidade explicando que o emprego é a ferramenta de inclusión social máis efectiva, de aí que este colectivo, tal e como indicou, estea no centro das políticas activas de emprego do Goberno galego.
Para promover o emprego de calidade entre as persoas con discapacidade, a Xunta conta coa Axenda 20 que, entre outros ámbitos, promove a integración no eido laboral dos colectivos máis vulnerables. A prioridade da Administración autonómica é que as persoas que máis o precisen poidan acceder a un posto de traballo, xerando unha oportunidade laboral para quen non a ten. Por último, Conde insistiu na necesidade de que o tecido empresarial aposte polo talento das persoas con discapacidade para acadar “a meta da igualdade plena”.

Cermi Galicia

O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) representa na actualidade ao 92% do movemento asociativo da discapacidade en Galicia a través de dez entidades: Aspace, Autismo Galicia, Cogami, Down Galicia, Fademga, Fegadace, Fagal, Faxpg, Feafes e Once. É, ademais, membro de Cermi estatal, que agrupa a máis de 8.000 asociacións e entidades que representan no seu conxunto aos 3,8 millóns de persoas con discapacidade que hai en España. A entidade foi constituída en 1998 para loitar polos dereitos das persoas con discapacidade na Comunidade galega.