Realizamos o Camiño de Santiago con 40 peregrinas e peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia vén de realizar o Camiño de Santiago por décimo quinto ano. Unha actividade na que participaron arredor de 40 peregrinos e peregrinas entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitoras acompañantes.

As persoas que realizaron este ano o Camiño de Santiago proceden de asociacións de diversas localidades galegas. En concreto de Andaina (Dodro e Ordes), Alume (Lugo e Guitiriz), Doa (Vigo e Cangas) e Saúde Mental Ferrol (Narón).

O percorrido comezou o 28 de outubro en Salceda (O Pino) e contou cun total de 28 quilómetros. O 29 percorreron 16km e hoxe realizaron a etapa final dende o Monte do Gozo ata o casco histórico compostelán. Chegaron á Praza do Obradoiro arredor das 12h. Alí, as persoas participantes recibiron un certificado que acredita que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago e, para despedir a actividade, gozaron dunha comida de confraternidade.

Un Camiño normalizador e integrador

O camiño, así como as demais actividades de ocio e deporte que organizaSaúde Mental FEAFES e as súas asociacións, axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, xa que lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidado.

Ademais, con esta iniciativa, queremos amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

Esta viaxe de tres días ten tamén un factor lúdico rehabilitador porque permite que as persoas participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.

Parabéns, camiñantes!

Coa colaboración de:

Share