Jaime Viqueira acada o primeiro posto no XV Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e coa colaboración de Always Tenis de Mesa e o Concello de Mos
O venres 1 de decembro, Mos foi escenario do XV Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. No encontro, que contou coa colaboración do Club Always Tenis de Mesa e do Concello de Mos, participaron sete entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Máis de 40 xogadoras e xogadores de Alume(Lugo), APEM (Cee), Avelaíña (Ponteareas), Lenda (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Saúde Mental Ferrol (Narón), Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo e Santiago); trasladáronse ata Mos para gozar desta xornada
Lenda recolle o primeiro premio e o segundo viaxa a Vigo
O torneo comezou ás 10h da mañá e foi sobre as 14h cando Jaime Viqueira, da Asociación Lenda, se alzou co primeiro posto. O seu contrincante na final foi Diego Agís de Saúde Mental FEAFES Vigo. Tras eles, José Luis Barreiro, de Saúde Mental FEAEFES Santiago e Andrés Martín¸ de Saúde Mental FEAFES Vigo; ocupando os dous terceiros postos da clasificación.
Finalmente, na entrega de premios interviñeron Felisa Rodríguez, Concelleira de Deportes do Concello de Mos; e Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo. Ademais, tamén interviñeron Samuel Pereiro, director de Always Tenis de Mesa; e Zulema Rodríguez; responsable da área de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia.
Todas as persoas participantes foron agasalladas cunha medalla para premiar a súa participación e, a continuación do evento, celebrouse unha comida de convivencia.
Un torneo pola saúde mental
Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatendo activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.
Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organiza Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados
Coa colaboración de: