Skip to main content

Jaime Viqueira alcanza por segundo ano consecutivo o primeiro posto do XVI Torneo de Tenis de Mesa organizado en A Coruña por Saúde Mental FEAFES Galicia e coa colaboración do Club de Mar de San Amaro.

O venres 1 de Marzo, A Coruña foi escenario do XVI Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. No encontro, levado a cabo coa colaboración do Club de Mar de San Amaro, participaron 8 entidades de saúde mental de Galicia.

Máis de 40 xogadoras e xogadores de Alume, Andaina, Apem, Doa, Lenda, Saúde Mental Ferrol e as delegacións de Vigo e Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia; trasladáronse ata Coruña para desfrutar desta xornada.

Lenda recolle o primeiro premio e o segundo viaxa a Santiago

O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban ás 13h30 cando Jaime Viqueira, da Asociación Lenda, se alzou co primeiro posto. A final disputouna contra José Luis Barreiro de Saúde Mental FEAFES Galicia. Tras eles, Marcos Traba (APEM) e Fabián Liñares (FEAFES Santiago); ocuparon os dous terceiros postos da clasificación.

Finalmente, na entrega de premios interviron Manuel Carrasco, secretario da Federación Galega de Tenis de Mesa e membro da Xunta Directiva do Club de Mar de San Amaro; e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e a continuación do evento, gozaron dunha comida de convivencia.

Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.

Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

Coa colaboración de: