Skip to main content

Máis de 40 xogadoras e xogadores competiron no XXI Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e Always Tenis de Mesa en Mos.

O venres 12 de decembro, Mos foi escenario do XXI Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e Always Tenis de Mesa. No encontro participaron varias entidades de saúde mental de toda Galicia.

44 xogadoras e xogadores de A Creba, Alume, Apem, Avelaíña, Doa e Lenda; trasladáronse a Mos para gozar desta xoranda.

 

 

 

Alume recolle o primeiro premio e Doa leva o segundo

O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban as 13h30 cando Salustiano Rivera, da asociación Alume, se alzaba co primeiro posto. A final xogouna contra Manuel Otero, da asociación Doa. Os dous terceiros postos da clasificiación lográronos Benjamín Nogueira, de Lenda, e Guillermo Rodal, tamén de Doa.

Finalmente, a entrega de premiso correu a cargo de Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Manuel Pereiro, árbitro nacional de tenis de mesa e socio do club Always Tenis de Mesa.

Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e, a continuación do evento, gozaron dunha comida de convivencia. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos agradecer enormemente a colaboración do club Always Tenis de Mesa na organziación deste torneo.

Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.

Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

Coa colaboración de: