A asociación Andaina xestiona desde o 2017 un Centro Especial de Emprego para persoas con problemas de saúde mental en Dodro.
Na Paxareira, en Dodro, atópase o Centro Especial de Emprego de Andaina Pro Saúde Mental. Unha fábrica de zumes na que traballadoras e traballadores con problemas de saúde mental desempeñan a súa labor.
A iniciativa comezou no 2017 como continuación ao traballo que xa se realizaba dende a asociación Andaina. O obxectivo era mellorar a empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental a través do emprego adaptado e protexido.
“O que se buscaba era dar un emprego que servise tamén como terapia para estas persoas”, explícanos Lino Vilas, director técnico do centro: “comezamos facendo sidra coas mazás que temos nesta zona, logo pasteurizados co mesmo zume de mazá”. No 2019 comezaron a colaborar con outras empresas e, actualmente, desde a fábrica son capaces de elaborar as bebidas desde cero.
Actualmente, neste centro traballan 5 persoas con problemas de saúde mental a media xornada. “Intentamos compatibilizar o horario cos procesos da fábrica e as necesidades de cada persoa”, coméntanos Lino, e segue: “A xornada amplíase ou redúcese tendo en conta as pensións que perciben e tamén a súa capacidade para soportar o traballo físico”.
Traballos adaptados a cada persoa
Manuel Márquez leva 8 anos traballando no Centro Especial de Emprego. El encárgase principalmente de administrar os pedidos, aínda que tamén realiza traballos na fábrica. “Eu traballei en varios sitios antes”, cóntanos, “na construción, na FESBA, ata fun músico!”. Logo chegou a enfermidade, o que supuxo para el un parón laboral. “Eu botei case 10 anos na casa”, di Manuel, e explícanos que con axuda de profesionais comezou a saír pouco a pouco. Foi entón cando coñeceu Andaina: “Faláronme dunha asociación en Dodro e así coñecín Andaina. Despois dixéronme que ían facer un Centro Especial de Emprego e comecei a traballar aquí.”
Non todas as persoas que traballan na fábrica de zumes tiñan emprego previamente: “Unhas persoas teñen máis experiencia laboral, outras teñen menos. Unhas son máis novas, outras máis vellas”, explica Lino. “O que facemos aquí é adaptar a cada persoa a un traballo que poidan realizar ben”, engade. Manuel asegura que todas as traballadoras e traballadores valoran moito esta oportunidade, non soamente polo feito de poder percibir un salario senón tamén, e aínda máis importante, porque se senten útiles traballando. Sinala ademais que o ambiente laboral é moi agradable: “Aquí levámonos todos ben. Distráeste, traballas e gañas cartos”.
Emprego que cambia vidas
Para estas persoas, esta oportunidade laboral supuxo un cambio nas súas vidas. Lino explica que ter un emprego implica moitos beneficios para as persoas con problemas de saúde mental: “Melloran na súa enfermidade, as secuelas ou consecuencias diminúen, melloran o seu estado físico e tamén son capaces de relacionarse mellor”. Manuel coincide en que para el o cambio foi moi grande: “Mellorei moito. Encontrei amizades coas que estar e agora son capaz de desenvolverme mellor”, dinos, e afirma con ledicia: “Estou ben, gaño cartos. Que máis quero?”.
Os produtos elaborados no Centro Especial de Emprego de Andaina están dispoñibles na súa web . Tamén realizan bebidas isotónicas para Artio que se poden adquirir a través da súa páxina de Amazon
Se queres coñecer de primeira man o traballo que se fai no Centro Especial de Emprego da Asociación Andaina podes escoitar a Lino e Manuel no seguinte vídeo.

