En Galicia, hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade despois da física. Estes datos, recollidos no censo da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia 2020, revelan que se trata un problema cunha amplísima repercusión, tanto nas propias persoas como nas súas familias e persoas achegadas.
En España, entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta ten unha enfermidade mental grave, o cal supón máis dun millón de persoas. Calcúlase que a esquizofrenia afecta a preto do 0,7% da poboación española e o trastorno bipolar ao 0,5%, segundo a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde (2007). Máis da metade das persoas con problemas de saúde mental que necesitan tratamento non o reciben, e unha porcentaxe significativa non recibe o axeitado. Ademais, as familias asumen a maior parte dos coidados, pois o 88% da atención a este colectivo realízana coidadoras e coidadores informais.
No mundo, a Organización Mundial da Saúde estima que o 25% da poboación terá algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. Actualmente, 450 millóns de persoas en todo o mundo vense afectadas por un problema de saúde mental que dificulta considerablemente a súa vida (“Saúde mental: Afrontando os desafíos, construindo solucións”. Copenhague: OMS, 2005). Por outra parte, o 38,2% da poboación europea, que representa a 164,8 millóns de persoas, ten algún problema de saúde mental.