Tipos de enfermidades mentais

A enfermidade mental é a segunda causa de discapacidade en Galicia, detrás da física. Existen distintos tipos de enfermidades mentais

Trastornos do estado de ánimo

A súa principal característica é que afectan á persoa emocionalmente e supoñen unha alteración do humor.

Un exemplo é o trastorno bipolar, que combina períodos de moita exaltación (maníacos) con outros de total abatemento (depresivos). A duración de cada fase varía en cada persoa, e altérnanse con outros períodos nos que o estado de ánimo se normaliza e os síntomas da enfermidade desaparecen practicamente por completo.

Os trastornos depresivos son outro tipo de trastornos do estado de ánimo, que presentan síntomas como a tristura, a desesperanza e a inhibición.

Trastornos de ansiedade

Son trastornos nos que predominan o medo e a inseguridade, e caracterízanse pola anticipación dun futuro perigo ou desgraza acompañados dun sentimento incómodo.

Algúns exemplos son o trastorno de pánico, o trastorno obsesivo-compulsivo, as fobias e o trastorno de estrés post-traumático.

Trastornos relacionados con substancias

Estes inclúen problemas asociados co abuso do alcohol e as drogas ilegais ou legais. Os síntomas máis habituais son cambios no comportamento (alteracións no apetito ou no sono, diminución do rendemento escolar ou laboral, falta de motivación…), cambios físicos (perda ou incremento de peso repentinos, deterioración no aspecto físico, tremores…) e cambios sociais (cambios de amizades, problemas legais, necesidade de diñeiro…).

Trastornos psicóticos

Son os coñecidos como trastornos de separación da realidade xa que causan un desprendemento desta (delirios).

O exemplo máis notable é a esquizofrenia, cuxa característica principal é que a persoa experimenta unha grave distorsión entre os seus pensamentos e emocións. É frecuente que oia ou vexa cousas que non existen, íllese do seu ámbito, descoide o seu aspecto, os seus quefaceres ou crea cousas que non son verdade.

Trastornos de personalidade

Caracterízanse porque a persoa presenta unha forma de sentir e de comportarse que se aparta moito do socialmente aceptado, como poden ser condutas bruscas, inestabilidade ou grandes dificultades para relacionarse.

Exemplos destes trastornos son o trastorno límite de personalidade e o trastorno antisocial da personalidade.

Outros trastornos

Outros problemas de saúde mental son os trastornos do sono, trastornos sexuais, trastornos da conduta alimentaria, trastornos do control dos impulsos, etc.

Tamén existen os trastornos disociativos (nos que se altera o sentido de si mesmo ou mesma), os trastornos somatomorfos (nos que hai síntomas físicos sen causa clara) ou os trastornos do desenvolvemento (que comezan na infancia ou na adolescencia, como por exemplo o déficit de atención, o trastorno do comportamento, etc.).