06/02/2017.

Achegámonos ás novas tecnoloxías en Vigo

Durante os meses de xaneiro e febreiro, FEAFES Galicia desenvolveu unha serie de accións formativas na aula CeMIT de Vigo, accións levadas a cabo grazas á colaboración do Concello de Vigo e a Concellería de Parques, Xardíns, Comercio, Participación Cidadá e Distritos.

Nomeadamente, as semanas do 9 ao 13 e do 23 ao 27 de xaneiro desenvolvéronse neste espazo dous dos cursos de alfabetización dixital correspondente ao Punto Formativo de Inclusión Social, cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo. Esta formación busca que os alumnos sexan capaces de empregar as novas tecnoloxías como ferramentas útiles no seu proceso de inclusión sociolaboral, favorecendo a adquisición de destrezas básicas no emprego de programas informáticos que lles permitan manexar a información, realizar buscas de interese, xestións administrativas, etc.

Pola súa banda, entre o 2 e o 24 de febreiro se está a desenvolver un curso de manexo de TICs para persoas desempregadas con enfermidade mental como acción grupal de Técnicas Instrumentais dentro do traballo do servizo de inserción laboral de FEAFES Galicia, en colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia. Este curso está destinado a adquirir un dominio axeitado das ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías para coñecer as súas funcionalidades, estudar novos usos e enfocalas dentro dun contexto de busca de emprego.

Dende FEAFES Galicia queremos agradecer a disposición e facilidades proporcionadas sempre polo Concello de Vigo, a Concellería de Participación Cidadá e os seus técnicos, tanto de cara á solicitude e emprego de aulas como para todas as xestións que se teñen realizado conxuntamente.
        
Compartir contido