19/11/2018.

Afrontando entrevistas de traballo en APEM

O pasado 8 de novembro, unha das orientadoras laborais de Saúde Mental FEAFES Galicia na Coruña, Patricia Gandío, acudiu ao Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da asociación APEM na Sagrada Familia para impartir un taller relacionado coa inserción laboral. 

Concretamente, tratouse dun obradoiro sobre como afrontar unha entrevista de traballo. Con el, preténdese aumentar as posibilidades de superación de entrevistas laborais por parte das persoas participantes, mellorando as habilidades e recursos persoais que deben poñen en práctica nunha situación de entrevista.

Esta sesión, na que participaron 6 persoas en situación de desemprego usuarias da asociación  APEM, foi levada a cabo polo servizo de inserción laboral e emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia no marco das súas accións de información, orientación e busca de emprego, financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

O taller plantexouse como unha acción grupal de 3 horas que combinou a exposición teórica dos contidos co visionado de vídeos e a realización de actividades prácticas, tanto individuais como grupais. A través desta acción, Saúde Mental FEAFES Galicia contribuíu a favorecer a motivación e preparación dun grupo de persoas usuarias de APEM para a seguinte fase do seu proceso de rehabilitación, que é o acceso ao mundo laboral.




Compartir contido