04/12/2019.

Baixo o mesmo paraugas por unha sociedade máis inclusiva

Miles de persoas de distintos puntos de Galicia e representantes de máis de 80 entidades sociais galegas saímos onte á rúa para reclamar a implicación de toda a sociedade na consecución da plena inclusión das persoas con discapacidade.

Fixémolo dentro da iniciativa “Baixo un mesmo paraugas”, que busca a implicación de toda a sociedade na consecución dos dereitos deste colectivo. Coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o acto que naceu en Coruña e celebrou onte a súa cuarta edición, desenvolveuse en A Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense.

Neste marco, persoas con discapacidade, familiares, profesionais, voluntarios e escolares saímos á rúa con paraugas de cores para concienciar sobre a diversidade e a necesidade de reivindicar de forma conxunta os dereitos deste colectivo.

Nestes actos reivindicativos leuse un manifesto con motivo desta efeméride no que se fixo fincapé nas demandas que comparte o colectivo: "Unha vida digna e plena, como calquera outro cidadán".

En particular, houbo referencias a cuestións como a "accesibilidade plena dos espazos públicos e privados", a "inclusión educativa real" ou a "garantía de poder acceder a un traballo en condicións de igualdade", unido ao desexo de "sentirse acompañados" e poder "participar" tanto na toma de decisións sociais como en actividades lúdicas e culturais.

Vía Galicia Confidencial.

Compartir contido