21/07/2017.

Prácticas en empresas para achegarse á inserción laboral

Un grupo de 19 demandantes de emprego tiveron a oportunidade de coñecer un posto de traballo concreto a través de prácticas non laborais realizadas en seis empresas na Coruña. Trátase dos participantes no curso “Auxiliar de dependente, reposición e almacén” organizado no marco do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa” a través do Punto Formativo Incorpora.

Este programa ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. 

Neste curso en concreto, os alumnos puideron adquirir os coñecementos necesarios para realizar actividades auxiliares de venda, caixa, reposición e acondicionamento dos puntos de comercialización. Aprenderon, ademais, a ofrecer unha atención e información axeitada ao cliente, adaptándose aos requisitos propios dos traballos de cara ao público.

Todas estas aprendizaxes foron postas en práctica nunha serie de empresas na Coruña nas que estiveron un total de 80 horas, entre o 22 de xuño e o 13 de xullo. As compañías que acolleron aos alumnos do curso de  “Auxiliar de dependente, reposición e almacén” foron Makro, Alcampo, Carrefour, Tiger, Brico Depot e Ikea.

As prácticas en empresas non só permiten que os alumnos poñan en práctica as facultades adquiridas no curso, senón que tamén lles dan a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento das empresas do sector. Ademais, os empresarios poden avaliar as capacidades dun demandante de emprego nun posto de traballo concreto, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral posterior.

 
Compartir contido