20/12/2018.

Remata o Programa de Cooperación 2018

No marco das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados para a realización de servizos de interese xeral e social, que contan co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, Saúde Mental FEAFES Galicia incorporou durante este ano a unha nova psicóloga na delegación de Ourense.

Cristina Amoeiro estivo connosco dende o 29  de decembro de 2017 ata o 29 de  decembro de 2018, realizando o seu traballo no marco do Servizo de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental e as súas Familias. 

A través deste servizo, dáse resposta á situación pola que atravesan estas persoas, atendendo as súas necesidades e demandas específicas, tanto individuais como grupais, e facilitando o apoio e acompañamento sociolaboral preciso para unha axeitada inclusión na comunidade.

Entre as funcións que desempeñou Cristina, destacou a atención psicolóxica, o apoio no desenvolvemento de accións formativas, a acollida de novos usuarios e o desenvolvemento do programa de sensibilización Descubre. Ademais, tamén participou na xestión da información das bases da entidade, comunicación de ofertas de emprego, acompañamento e mellora das ferramentas de emprego dos usuarios e traballou en rede con persoas doutras entidades.

Todo isto permitiu a Cristina mellorar as súas competencias na atención ás persoas con problemas de saúde mental, así como crecer a nivel personal e profesional. Por outra banda, dende Saúde Mental FEAFES Galicia puidemos potenciar e mellorar os nosos servizos de atención á saúde mental na delegación de Ourense. Moitas grazas, Cristina!


Compartir contido