13/10/2016.

Rey Varela comprométese coas enfermidades mentais nunha visita a AFAES



O concelleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o pasado 7 de outubro a asociación AFAES Porta Nova de Narón, poñendo en valor a inserción social de todas aquelas persoas que teñen algunha discapacidade ou enfermidade mental, ao mesmo tempo que destacou a “gran contribución” que estas tamén fan á sociedade.

Despois da visita ao Centro Ocupacional, dispositivo concertado en 8 prazas coa Consellería de Política Social, Rey Varela mantivo unha reunión con membros da Xunta Directiva, técnicos da entidade e o xefe de psiquiatría da área sanitaria de Ferrol. O conselleiro comprometeuse a “dar impulso ás políticas sociosanitarias para tratar de englobar toda a coordinación pública para pensar nas persoas”. Os representantes da entidade, pola súa banda, explicaron as carencias concretas en materia de recursos asistenciais para o colectivo de persoas con enfermidade mental grave na área sanitaria de Ferrol.

Rey Varela destacou a importancia de asociacións como AFAES que “forman parte do movemento asociativo a favor das persoas con enfermidade mental”. Nas súas palabras, uniu os obxectivos da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, cos de AFAES Portanova, como poden ser o desenvolvemento de actividades que promovan a saúde e o benestar da persoa con enfermidade mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a súa integración no medio no que vive e o apoio aos seus familiares.

O conselleiro referendou a colaboración da Xunta de Galicia con este tipo de asociacións e destacou que ano tras ano crece a confianza da Consellería de Política Social con AFAES. Así, sinalou que desde o Goberno autonómico “seguiremos apoiando o traballo destas asociacións nos próximos anos”. Nesta liña lembrou que no curso 2016, o Goberno autonómico investiu en AFAES un total de 31.140 euros, un 76% máis que en 2015 cando se investiron 17.656 euros.

Compartir contido