30/12/2015.

“Sumando capacidades, xerando oportunidades”

“Sumando capacidades. Xerando oportunidades” é o nome do proxecto de inclusión sociolaboral que se desenvolverá ao longo de 2016 impulsado pola Asociación de Familiares, Amigos e Persoas con Enfermidade Mental Afaes Porta Nova, a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais Aspaneps e a Obra Social “la Caixa”, que aporta 33.900 euros.

O proxecto pretende desenvolver itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral para 20 persoas con discapacidade intelectual e 45 con trastornos mentais severos mediante accións de formación e asesoramento que reforcen as súas capacidades e competencias. Este é, precisamente, o aspecto innovador que Afaes Porta Nova introduce neste proxecto: a realización de accións ocupacionais e formativas en colaboración con outra entidade da saúde mental no ámbito infanto-xuvenil. 
 
Os 65 participantes do proxecto pertencen ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e terán a oportunidade de participar en talleres formativos e ocupacionais de lavandería, costura, cociña e serigrafía, nos que se poderán incorporar de forma conxunta usuarios de ambas entidades.

O obxectivo final non é outro que lograr a incorporación de persoas con graves discapacidades y desenvolver un proxecto no que se impliquen entidades, empresas e administracións da comarca de modo que se aporten solucións para mellorar a situación dos destinatarios. A idea é que esta iniciativa poida prolongarse no tempo e que posibilite a incorporación ao mercado laboral dos beneficiarios.


Compartir contido